O pasado día 28 de Xaneiro tivo lugar unha asamblea na que a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte, convocou á cidadanía da comarca para informarlles da situación da nosa Area Sanitaria.
Entre os moitos dos asistentes atopábase o xerente do hospital , don Benigno. O citado asistente non puido máis que pedir á poboación da comarca de Lemos que confiásemos en que o novo modelo que teñen pensando poñer en práctica no tocante á xestión e organización das Areas Sanitarias, será bo para o noso hospital e suporá unha mellora sustancial na calidade da atención ó paciente. Que non hai mais que esperar a que o tempo nolo demostre. Que a poboación pode estar tranquila…
Pois non señor, non estamos tranquilos nin faremos o “esforzo por crer” que así será. Como o mesmo xestor se encargou de repetir e pedir na reunión que este mantivo con membros da Plataforma antes citada.
E di tamén que esperemos a sair o decreto, no que se nos darán os detalles.
Rotúndamente NON, non imos esperar tal cousa, porque entón non haberá volta atrás.
Escoitando as súas plegarias de fe véuseme á mente o actual premio Nobel da Paz. Dito premio foi creado para otorgarllo a quen demostrase con feitos a súa aportación para acadar tal estado no mundo en xeral. Pois este ano foille dado a quen “promete” moito pero ainda non fixo nada. Parece que o noso xerente quere ir polo mesmo camiño posto que nos pide un acto de “fe” no que se vai facer.
Eu como veciña de Monforte, fágolle unha proposta. O noso hospital estivo nos mellores postos na sanidade galega cando se creou e comezou a funcionar. Agora non goza de moi boa saúde, por desgracia para todos. Pois ben, don Benigno, póñase xa a traballar e demóstrenos que é capaz de volver a levar ó noso hospital (e a toda a área Sanitaria) a eses postos. Xestionen e planifiquen dende aquí e otorgarémoslle o premio que agora mesmo acabo de inventar: Premio Nobel en xestión de area Sanitaria comarcal.
De todas formas, se demostra e fai o que lle pide a poboación, seguiremos sen estar dispostos a que nos quiten as competencias. Agora porque temos unha mala situación, e despois porque estaremos tan ben que non quereremos cambiar, non vaia ser o demo. A vida é así.
Non cre que xa temos problemas dabondo e complicados de solucionar como para esperar que nolos veñan a arranxar os de fora?.
Din que non se trata de recortar gastos pero personalmente creo que ten moito que ver. Se, como aseguran, só se trata de mellorar na calidade, que comencen a facelo nas propias áreas Sanitarias, non estamos para experimentos que sabemos que non serán bos. E o recorte de gastos é tan sinxelo como despilfarrar menos, ou aínda mellor, deixarse de despilfarrar e deixar de vivir cuns luxos que para nada son necesarios e ademais son un insulto ó resto da poboación.
Comece entón a traballar para que a próxima vez que fale diante do pobo obteña vostede aplausos e apoios, o meu o primeiro.